Os alumnos e as alumnas de Segundo de Primaria do Sagrado, a partires da segunda avaliación, comezaron a traballar na súa aportación ao Salón do Libro de Pontevedra.

O Salón do Libro é unha importante proposta do Concello de Pontevedra para fomentar a lectura entre os mozos e mozas da zona. Dende o Salón, non so se crea un fantástico espazo de animación á lectura ou se ofrecen diferentes propostas culturais, se non que tamén son os centros escolares os que se implican e participan creando parte de ese espazo.

Este ano, o tema do Salón é “Mulleres de Conto”. Neste caso, os alumnos de 2º traballaron da man de alumnos de 4º da ESO en diferentes sesións semanais a modo de actividade de aprendizaxe e servizo. A idea foi que os alumnos maiores elixiran diferentes contos nos que houbese unha protagonista feminina, e cada un deles lle contaría o conto a un grupo de seis ou sete alumnos de Segundo. Eles mesmos foron os que elixiron o que sería o produto final, unha gran árbore feita en base a eses contos. Para a posta en práctica desta actividade non só tiveron que pensar nunha boa idea, se non que tamén fixeron o deseño da árbore con cada un dos seus elementos, e ademais planificaron as diferentes sesións para levalo a cabo cos nenos, tendo en conta a súa idade e actuando de mestres-guía dende o comezo ata o final da actividade.

Despois da primeira sesión na que se lera o conto, e feita unha reflexión conxunta dos alumnos cos seus axudantes, na seguinte sesión escolléronse as palabras que lles pareceron máis relevantes da historia.

No momento que se tiñan claras as palabras coas que querían traballar, iniciouse o traballo plástico nas dúas seguintes sesións no aula de plástica dos maiores. O traballo consistía en forrar unhas botellas de auga con cola branca e cachiños de papel de periódico, coma se fosen ramas dunha gran árbore. Na seguinte sesión completouse o traballo, recortando as follas que se pegarían en arames suxeitos ás ramas da árbore, gravando nelas as palabras que querían destacar dos contos traballados.

O resultado foi unha gran árbore froito do traballo de máis de cen alumnos en total, co que se quere ser parte desa magnífica homenaxe que fai este ano o Salón do Libro ás Mulleres de Conto que non lles vale con ser simples adornos en historias doutros, se non que son protagonistas das súas propias historias, e sobre todo, un gran exemplo para todos as e nenas do mundo.