Etiqueta: Outono

Magosto

Tal e como di a nosa canción “ coma sempre no Sagrado fixemos a mellor festa”, a pesar que este ano o ceo non nos acompañou para poder disfrutar do noso magosto nas pistas do colexio. 

Profes, nenos , nenas e familias degustaron as castañas durante a tarde o ritmo de cancións populares. 

Os maiores de 5º e 6º compartiron contos e xogos cos pequenos de infantil , riron e comeron xuntos. 

Non faltaron castañeiros, castañeiras e rapaces co traxe rexional e ata se animaron a bailar  unha muiñeira. 

Grazas polos momentos compartidos nos que nos unimos e que nos fan valorar que as celebracións, se son en familia, son moito mellores. 

DE PASEO POLO OUTONO!

Cando abrimos o libro de Ciencias da Natureza e observamos o que nos tocaba, caemos na conta que dar os cambios da paisaxe no outono ollando só para o libro de texto estando onde estamos, sería igual que estudarmos o Guernica nunha lámina se o teu colexio ficase ao carón do Reina Sofía.

Por mor diso, resolvemos xuntar todos os contidos dados na semana e adicar a tarde a gozar da aprendizaxe ao aire libre.

En Natureza estabamos aprendendo a distinguir as plantas polas súas características, arbustos, flores, árbores… e para iso temos xardíns e bosque no Sagrado.

En Lingua Castelá , andabamos aprendendo a facer unha listaxe de quefaceres, de material necesario ou da compra, a seguir as instrucións para realizarmos ou comprendermos unha tarefa; así que, iso elaboramos para executar a actividade: listaxe do necesario e das instrucións para levar a tarefa a bo porto.

En Matemáticas, andabamos a voltas coas nocións espaciais e con iso expresabamos os lugares onde debían ir e onde se situaban as especies a buscar, na dereita da portería, ao fondo do campo, entre un …? e un plataneiro de sombra, debaixo dun arbusto…

En Lingua, o vocabulario propio do outono; o noso bosque axudounos niso.

E en Tecnoloxía, aprendemos a empregar os móbiles coma ferramentas para a investigación e a aprendizaxe xa que con el sacamos fotos, valoramos a calidade e compartimos responsabilidade entre os compañeiros do grupo.

Chegado o momento, coa axuda das familias, ideamos a actividade que consistía en localizar durante uns días nos nosos espazos: unha árbore de folla caduca, unha de folla perenne, unha flor, un arbusto e unha herba. Tras traballar na aula o anteriormente mencionado, fixemos os grupos e repartimos labores e alá fomos retratar coa cámara as cinco especies solicitadas, especies elixidas democraticamente polo grupo.

Así o realizaron todos: elixiron, fotografaron, valoraron a calidade e repetiron as que lles saíron mal. Ao rematar, fixemos unha asemblea onde as conclusións foron moi positivas, asemblea que poderiamos resumir en: APRENDER É MOI DIVERTIDO!

Ao día seguinte, coas fotos impresas, elaboramos un mural no corredor que plasmaba o traballo realizado polos equipos, amosándoo con este proceder ao resto dos compañeiros con moita satisfacción.

Así dá gusto aprender!

© 2020 SER DE PRIMARIA

Tema por Anders NorenArriba ↑