Este ano por fin puidemos volver a desfrutar da tradicional celebración do Magosto no Sagrado. Despois do parón do ano pasado, volvemos recuperar a ilusión e a maxia deste día con máis ganas, se cabe, que anos anteriores.
Foi unha celebración na que todo o cole puidemos reencontrarnos e puidemos volver a compartir espazos, ganas e ilusión. Creamos recordos que permanecerán na nosa memoria durante moito tempo, porque se de algo hai ganas sempre é de festa, risas e xogos.
E precisamente, iso foi o que tivemos onte no cole. Ao longo da semana, os diferentes cursos de Primaria e Infantil, intercambiamos agasallos feitos por nós mesmos: marca páxinas, debuxos, colgantes… cousas que fixemos e que gardaremos con moito cariño.
Para rematar a celebración, os nenos puideron vir disfrazados e comemos as tradicionais castañas feitas durante todo o día no cole. Tamén xogamos a xogos tradicionais como o xogo do pano, a soga, as agochadas, o brille, a mariquitilla e un sen fin de xogos máis que fixeron da nosa tarde algo inesquecible.
Viva o Magosto do Sagrado!